Wednesday 15 de May de 2024

Feijóo anima ao sector vitivinícola a seguir apostando pola calidade, pola internacionalización e pola Marca Galicia


Destaca o traballo e implicación da Denominación de Orixe Ribeiro, que desde 2008 ata agora incrementou as súas exportacións en máis dun 600%

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou durante a inauguración esta tarde da adega Priorato de Razamonde en Cenlle, ao sector vitivinícola a seguir apostando pola calidade, pola internacionalización e pola Marca Galicia. Nesta liña destacou o traballo e a implicación da Denominación de Orixe Ribeiro, que desde 2008 ata agora incrementou as súas exportacións en máis dun 600%.

Así mesmo lembrou que dos 180 millóns de euros que factura o sector, entre 26 e 28 millóns corresponden á D.O. Ribeiro, algo máis de 100 millóns á D.O. Rías Baixas, 23 millóns de euros a Valdeorras e 11 millóns á Monterrei.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou a necesidade de seguir traballando non só na produción do viño, senón tamén na súa etiqueta, para convertela nun selo de calidade recoñecible en todas as partes do mundo.

O titular da Xunta concluíu garantindo o compromiso do Goberno galego co sector e co rural, a través de instrumentos como a Estación de Enoloxía de Leiro, “un garante da aposta pola calidade”, e con medidas como a eliminación do imposto de Sucesións e con impostos cero para a compra, venda ou permuta de predios no rural.